Sunday 28 de April de 2024

A Xunta destaca a importancia dun monte ordenado, sustentable e multifuncional e da formación na competitividade do sector forestal


O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal e o director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) asistiron á clausura da Asemblea Anual da Asociación da Industria da 1ª Transformación da Madeira da Coruña

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luís Chan, e o director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, asistiron en Muxía á clausura da Asemblea Anual da Asociación da Industria da 1ª Transformación da Madeira da Coruña (Apralco).

Alí, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal destacou a importancia de manter un monte ordenado e sustentable, tanto desde o punto de vista ambiental como económico e social. Tamén, de asegurar un enfoque multifuncional dos diferentes aproveitamentos do territorio forestal, que van desde os propiamente madeireiros ata os relativos a pastos, castañas, cogomelos, froitos e mesmo aos usos lúdicos e sociais.

Na xuntanza, José Luís Chan lembrou que máis de 80.000 propietarios forestais teñen ingresos anuais polas cortas de madeira en Galicia, o cal se traduce en que arredor do 12% das familias galegas perciben ingresos por este concepto. Así, o pasado ano solicitouse cortar máis de 9,7 millóns de metros cúbicos en Galicia, sendo o 46% (é dicir, uns 4,4 millóns de m³) na provincia da Coruña.

Así, Chan trasladou que no primeiro trimestre deste ano 2019, concedéronse máis de 29.000 permisos para cortar unha superficie total en Galicia de 2,6 millóns de metros cúbicos, dos cales 1,2 millóns de m³ son na provincia da Coruña. Un volume de cortas que ao ano xera máis de 300 millóns de euros de ingresos en Galicia, cifra que evidencia o importante peso que ten este sector produtivo na economía galega en xeral.

Pola súa banda, o director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, destacou a formación especializada do persoal como unha das claves para impulsar a competitividade do sector forestal galego. Neste sentido, Lema lembrou que ata o vindeiro 6 de maio está aberto o prazo de presentación de solicitudes do programa de axudas para a organización de accións formativas e de divulgación.

A iniciativa, que se enmarca na Estratexia de formación da industria forestal impulsada pola Xunta, conta cun orzamento de 500.000 euros, e está dirixida a asociacións do sector, colexios profesionais e fundacións. A través deste programa prevese apoiar máis de 160 accións centradas nos ámbitos máis demandados pola industria, chegando a arredor de 1700 persoas.